Encontros
As cidades posibles

As cidades posibles
13 dec
20:00 horas

TRANSFORMACIÓNS URBANAS CON PERSPECTIVA DE XÉNERO

Diálogo entre Blanca Valdivia e Marta Fonseca da cooperativa de arquitectas, sociólogas e urbanistas feministas Punt 6, Oihane Ruiz, arquitecta especializada en Urbanismo e Teoría Feminista e Carme da Silva, tenente de Alcalde de Pontevedra, sobre o espazo público desde unha perspectiva feminista para planificar e facer cidades máis amables e seguras para as mulleres. Encontro moderado pola xornalista Susana Pedreira.

>>>BLANCA VALDIVIA e MARTA FONSECA (Col·lectiu Punt 6)

BLANCA VALDIVIA e MARTA FONSECA

Blanca Valdivia (Socióloga Urbana) e Marta Fonseca (Arquitecta) pertencen ao Colectivo Punt 6, cooperativa de arquitectas, sociólogas e urbanistas feministas con máis de doce anos de experiencia en repensar os espazos domésticos, comunitarios e públicos para que promovan a diversidade social sen discriminacións.

Punt 6 centra o seu traballo na participación comunitaria, o urbanismo para a vida cotiá e a arquitectura de proximidade. Ademais, realizan investigación, docencia e formación tanto para a administración pública como para organizacións sen ánimo de lucro e asociacións.

O colectivo editou as guías Mujeres trabajando. Guía de reconocimiento urbano con perspectiva de género, Espacios para la vida cotidiana. Auditoría de Calidad Urbana con perspectiva de Género e Entornos habitables. Auditoria de seguridad urbana con perspectiva de género en la vivienda y el entorno.

>>>OIHANE RUIZ

OIHANE RUIZ

Arquitecta titulada pola Universidade do País Vasco. Ten formación en Urbanismo polo Instituto Vasco de Administración Pública (IVAP) e Teoría Feminista pola Escola de Empoderamento de Basauri.

Fundadora de Hiria Kolektiboa, colectivo de arquitectas onde traballou en urbanismo, participación e perspectiva de xénero e de Pripublikarrak, onde desenvolveron proxectos no ámbito de arte/activismo feminista. Desde 2009 é socia do estudo de arquitectura SF38, responsable do proxecto e da obra da Praza Corazón de María de Bilbao.

Fundadora de Dunak Estudioa, onde traballan en urbanismo, planeamento, asesoría municipal e análise urbana e territorial en clave de sostenibilidade da vida.

Promotora do Paseo de Jane Jacobs en Bilbao, desde 2016 traballa en Madrid como arquitecta urbanista en Madrid Destino, empresa municipal dependente da área de cultura, un proxecto de reactivación dos recintos feirais da Casa de Campo.

En 2018 é socia fundadora de Silvestrina, cooperativa que traballa en proxectos de colaboración para a investigación en ciencia e urbanidades baixo as premisas: materia, coidados e comunidade.

>>>CARME DA SILVA

CARME DA SILVA

Licenciada en Química pola Universidade de Santiago de Compostela. É Concelleira en Pontevedra desde 1995 formando parte do goberno municipal desde 1999 (agás no período 2005-2011), onde desenvolveu diferentes responsabilidades nas áreas de Medio Ambiente, Accesibilidade e Urbanismo. Na actualidade é Tenente de Alcalde e responsable da área de Disciplina Urbanística e Ambiental, Protección Cidadá, Servizos e Festas.

Foi Deputada na Cámara Galega na VII Lexislatura (2005-2009), e na VIII Lexislatura a partir de 2012 exercendo como portavoz do BNG en temas de Ordenación Territorial, Vivenda, Urbanismo, Medio Ambiente e Obras Públicas.

Co-autora do libro Pontevedra, outra mobilidade, outra cidade. A experiencia de transformación 1999-2015, editado pola Fundación Pons, en 2015.

>>>SUSANA PEDREIRA - Moderadora do encontro

SUSANA PEDREIRA

Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Comezou traballando en comunicación empresarial e institucional ata que no ano 2010 se incorpora á redacción de Onda Cero en Galicia.

Dirixe e presenta o programa local diario “Pontevedra na Onda” desde hai oito anos. En 2015 asume a coordinación do programa “Gente Viajera de Galicia”, magazine semanal centrado no turismo, ocio, cultura e gastronomía. Desde 2016 forma parte da programación estatal de Onda Cero co programa “Un alto en el camino”, catro horas de directo nas mañás da fin de semana que cada verán se emite desde Pontevedra para todo o Estado.

É co-fundadora do congreso As mulleres que opinan son perigosas celebrado en marzo de 2018, convertendo a Pontevedra durante dous días na capital do xornalismo de opinión con sinatura de muller. O foro conseguiu ser trending topic estatal nas redes.